CRTVG

Buscar

Estados Unidos confirma que matou con drons dous altos cargos iranianos en Bagdad

Publicado o 03/01/2020 13:41

• Un deles é Qasem Soleimani, comandante revolucionario de Irán

• Máxima tensión ao xurar vinganza o aiatolá Ali Jamenei 

Máxima tensión no golfo Pérsico despois de que o exército estadounidense matase nun ataque aéreo en Bagdad o xeneral iraniano Soleimani e o vicepresidente das milicias xiítas, aliadas de Teherán.

O máximo líder de Irán, o aiatolá Ali Jamenei, promete vinganza e o Goberno de Iraq considera o ataque unha violación da súa soberanía. 

A estratéxica zona do golfo Pérsico é un barril de pólvora que estaría a piques de rebentar despois do ataque aéreo estadounidense en Bagdad no que morreu o xeneral iraniano Soleimani, comandante dos Gardas da Revolución de Irán despregados no exterior.

O ataque ocorreu nunha estrada de acceso ao aeroporto bagdadí e nel morreron tamén o vicepresidente das milicias xiítas aliadas de Irán e sete escoltas.
O Pentágono recoñeceu que o ataque, ordenado polo presidente Donald Trump, busca disuadir futuros plans de Irán.
A reacción iraniana non se fixo agardar moito, e o máximo líder do país, o aiatolá Ali Jamenei, prometeu redobrar a motivación para resistir contra os Estados Unidos e Israel.
A embaixada estadounidense en Bagdad xa pediu a todos os seus concidadáns que abandonen de inmediato Iraq.
O recinto diplomático sufriu esta mesma semana un intento de asalto en resposta a un bombardeo estadounidense contra un campamento das milicias xiítas no norte de Iraq.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí