Estados Unidos ataca ós autores do atentado no aeroporto de Cabul
Afganistán enterra ós mortos no atentado deste xoves, cando un suicida xihadista do Estado Islámico fixo estoupar unha bomba no medio da xente que rodeaba o aeroporto de Cabul. Os talibáns din que polo menos 162 afgáns morreron na acción terrorista e preto de douscentos quedaron feridos. No mesmo atentado faleceron trece soldados norteamericanos e outros dezaoito quedaron feridos.
Os Estados Unidos reaccionaron cun ataque a un dos presuntos planificadores do atentado, realizado hai poucas horas cun dron nalgún lugar da provincia de Nangarhar, no leste de Afganistán. Os voceiros militares estadounidenses cren que mataron ó obxectivo e que non houbo vítimas civis. As tropas norteamericanas que permanecen no aeroporto de Cabul reforzaron as medidas de seguridade, xa que pensan que pode haber outro atentado antes de que o próximo martes, día 31, abandonen definitivamente Afganistán, tal e como pactaron cos talibáns.
Ata o momento as tropas internacionais conseguiron sacar do país arredor de cento cinco mil persoas, nunha operación que algúns países, como España ou Francia, xa remataron, pero que outros aproveitan ata o último minuto, coma é o caso deste avión italiano, que esta noite sacou de Afganistán cento dez persoas.
Os talibáns, que seguen tratando de formar goberno, ordenáronlle ós funcionarios do goberno derrubado que entreguen antes dunha semana os bens públicos e armas que poidan ter. Nas últimas horas tamén comezaron a ocupar posicións no aeroporto de Cabul.
O ACNUR pedíulle ós países veciños, especialmente a Paquistán, que abran as súas fronteiras ós miles de afgáns que tratan de fuxir por terra dos talibáns.