CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos aproba unha tregua de tres meses para aplicar o veto a Huawei

Publicado o 21/05/2019 22:30

A Administración Trump aproba unha tregua de tres meses para aplicar o bloqueo a Huawei e que o xigante chinés poida manter as súas redes e proporcionar actualizacións de software. Ante o temor de millóns de usuarios en todo o mundo, Huawei di que pode desenvolver o seu propio sistema operativo e facer fronte ao veto do mercado estadounidense.

No medio da guerra comercial entre os Estados Unidos e A China, en que se xoga o control da tecnoloxía 5G, a decisión do Goberno norteamericano de incluír Huawei na lista negra de empresas que supoñen un perigo para a seguridade nacional, obriga as firmas estadounidenses a unha licenza de Washington para facer tratos co fabricante chinés, ao que acusa de espionaxe e de roubar tecnoloxía. Con todo, nas últimas horas, a Administración Trump aprobaba unha moratoria de 90 días, ata o 19 de agosto, en forma de licenza temporal xeral, para que lle dea tempo a preparar a transición.

No medio desta guerra fría están os consumidores. Desde Huawei, o segundo vendedor de móbiles en España tras a coreana Samsung, din que contan con plans de continxencia para afrontar o veto estadounidense e tranquiliza os seus clientes aclarando que ofrecerán alternativas propias. Pero tanto desde as organizacións de consumidores e avogados din que, de tragar, nada, que os consumidores teñen dereito a reclamar compensacións económicas se os seus dispositivos móbiles perden prestacións.

"Un consumidor podería exercer o seu dereito legal a que lle devolvan a totalidade do diñeiro se é un móbil comprado hai pouco ou a unha cantidade proporcional ao importe que pagou polo móbil se o comprou hai uns anos", explica Rubén Sánchez, de Facua.

"Eu como consumidor teño dereito a reclamar aquilo que paguei. E paguei o sistema Android e, polo tanto, quero ese sistema. É tan importante reclamar pola carcasa coma reclamar polo contido, porque se vende co contido incluído. Se fose un contido importado a posteriori, non podería reclamarse", di José Domingo Valls, de Legalitas. 

O anuncio do bloqueo a Huawei provocou unha convulsión mundial e notouse nas bolsas. A decisión de Google de suspender negocios co xigante chinés fixo caer en picado as cotizacións dos fabricantes europeos de microchips, por un lado, pero beneficiou os seus rivais, Nokia e Ericsson rexistraron subas de ata o 2%.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/05/2019