Estabilizado un incendio declarado en Ponteceso tras calcinar 90 hectáreas
A Consellería do Medio Rural informou este martes da estabilización dun incendio que se declarou a última hora da tarde deste luns en Ponteceso, e quedou estabilizado sobre as 8:30 horas deste martes.
Segundo a información trasladada pola Xunta, o lume iniciouse pouco antes das 20:00 horas na parroquia de Niñóns e, segundo as estimacións realizadas, a superficie queimada (provisional) é dunhas 90 hectáreas. No control do incendio participaron ata o momento 4 técnicos, 7 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, 3 pas, 6 avións e 6 helicópteros.
Medio Rural lembrou que a cidadanía ten á súa disposición o número de teléfono gratuíto 085 para avisar en caso de incendio forestal, e hai outro teléfono, o 900.815.085 (anónimo e gratuíto) para denunciar actividade delituosa incendiaria.
Gran parte da comunidade está en nivel extremo por risco de incendio forestal: gran parte de Lugo, Ourense, o interior de Pontevedra, a ría de Arousa, a comarca Ártabra e a comarca de Santiago. A calor e a pouca humidade aumenta as posibilidades de incendio.
Estes días as temperaturas serán altas, hai aviso amarelo por calor. A boa nova é que nas zona onde vai ir máis calor o vento será frouxo, e isto reduce o risco de propagación. A partir do xoves cambia a situación meteorolóxica, descenden as temperaturas e volven os chuvascos dispersos, polo que todo apunta a que quedaría desactivado ese nivel extremo de alerta por incendio.