CRTVG

Buscar

Controlado o incendio que arrasou 465 hectáreas na Terra de Lemos

Publicado o 06/09/2019 14:13

Os servizos de emerxencias continúan a traballar nos labores de extinción do incendio que arrasou 465 hectáreas de monte baixo na Terra de Lemos e que Medio Rural dá por controlado. Foron mobilizados preto de 40 brigadas, 17 motobombas, 13 helicópteros e 4 hidroavións, ademais de técnicos e de axentes forestais, que evitaron que as lapas devorasen as vivendas dos veciños desaloxados de xeito preventivo nos concellos de Monforte e de Pantón.

"Isto foi terrible. E, dentro do malo, houbo sorte porque non houbo vítimas persoais. O último que debía pasar é que houbese persoas queimadas ou que se queimasen casas habitadas. E iso non pasou grazas á boa intervención das brigadas, dos helicópteros e todos os equipos contra incendios".

"Grazas aos helicópteros, que se non ardía todo. Había moitos helicópteros e veu moita xente entre as brigadas".

"Había uns tres ou catro helicópteros, e os que tardaron máis en chegar foron as avionetas, que despois chegaron catro ou cinco. Os helicópteros si traballaron moito, que os vin baixar aquí con persoal contra incendios".

Os propios veciños tamén loitaron contra o lume. Foi o caso do dono deste circuíto de karts de Tor, situado moi preto de onde se orixinou o incendio, entre as parroquias monfortinas de Baamorto e Seoane. Cos seus propios medios, evitou que as lapas devorasen o seu negocio e mais a súa vivenda.

Aitor López, dono dun circuíto de karts: "Ardeunos o noso lateral e veu o lume por baixo bordeándonos. Fomos a ese piñeiral para intentar apagalo e que non nos ardese a casa e despois volveu o lume por riba, ardeunos todo aquel lateral e veunos por esoutro piñeiral xa contra os coches todos. Fomos todos para alí con tres mangueiras que había, de mala maneira, intentar apagar para que non nos ardese todo. Aquí ninguén veu botar auga, ninguén veu botar unha man e ninguén fixo nada".

Unha vez controlado o incendio, os veciños que foran desaloxados xa puideron volver ás súas casas. Segundo Medio Rural, este lume forestal foi o maior dos rexistrados en Galicia no que vai de verán.

Noticias web

06/09/2019