CRTVG

Buscar

Estabilizado o incendio de Toén, tras arrasar 250 hectáreas

Publicado o 08/08/2020 21:27

Outro lume que preocupa e permanece activo arestora en Ourense é o de Toén, que xa leva arrasadas 250 hectáreas. 

O lume que afecta o concello ourensán de Toén continúa activo. Segundo a última actualización de Medio Rural, queimou xa unhas 250 hectáreas.

As altas temperaturas e o vento complicaban desde o primeiro momento o seu control, algo que melloraba a noite pasada. Na súa extinción traballa un amplo dispositivo, con 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

Segundo Medio Rural, tamén se mobilizaron 10 avións, 9 helicópteros, 20 brigadas e 14 motobombas. O lume comezaba onte a media tarde na parroquia de Moreiras. Os veciños contemplaban hoxe con pesar os arredores totalmente calcinados.

Tamén na provincia de Ourense, quedaba estabilizado xa desde a medianoite o lume que afectou o municipio de Muíños, e máis concretamente a parroquia de Requiás, no mesmo lugar onde quedaran extinguidos outros dous incendios a noite anterior.

Nestas imaxes do venres podiamos ver a virulencia das lapas e como se formaba un tornado de lume. Quedaron calcinadas unhas 50 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Na parroquia coruñesa de Tállara, en Lousame, comezaba un incendio a madrugada pasada con dous focos diferentes. Queimáronse unhas 60 hectáreas. Quedaba controlado esta tarde.

Os medios de extinción afánanse en arrefriar as zonas que arderon no incendio de Navia de Suarna, localizado nunha zona de montaña próxima á parroquia de Son. A poboación está sen servizo telefónico e sen conexión a Internet.

O incendio de Navia de Suarna leva arrasadas preto de noventa e cinco hectáreas. Afecta sobre todo a terreos da parroquia de Son. Medios terrestres compostos por técnicos, axentes, brigadas, motobombas e unha pa traballan na zona. ​

Arestora as vías están abertas, pero o fume complica a circulación, así que cómpre ir a modo. 

O lume queda estabilizado a estas horas e as brigadas centran os seus esforzos en arrefriar a zona e asegurar que non volva prender. 

De momento descoñécese como principiou o incendio. Estase a investigar. Coma consecuencia do lume houbo cortes nas liñas telefónicas e os núcleos da zona está sen conexión a Internet.

 

Noticias web

08/08/2020