Conta atrás para os traballadores de Alcoa: esta tarde, reunión da mesa multisectorial
Os traballadores de Alcoa saben que están na conta atrás. Hai máis tensión e máis presión social de toda A Mariña porque non ven ningún movemento do Goberno para acadar unha solución. Chega o fondo de garantía pero non o estatuto que regule o prezo da enerxía, o único garante do futuro da fábrica.
"O fondo de garantías está ben, o lousado hai que facelo tamén, pero primeiro hai que ter a estrutura da casa, e iso é o que nos falta, iso é o estatuto, un estatuto que fixe un prezo estable e competitivo", explica Xosé Paleo, do comité de empresa.
Será un dos temas xunto coa intervención temporal da fábrica que seguen a esixir ao Goberno, que se traten na segunda xuntanza da mesa multisectorial que se celebra esta tarde.
"Que o goberno escoite a voz da rúa, de milleiros de persoas reclamando unha solución, e esperemos, dunha vez por todas, que nos apoien e que aposten pola industria", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa.
Seguirán tomando as rúas nunha semana decisiva. Ás portas, o xoves, a empesa iniciará o proceso formal do ere para máis de 500 traballadores.