CRTVG

Buscar

Esta semana comeza o xuízo polo crime de Ana Enjamio

Publicado o 11/11/2019 15:43

Os feitos aconteceron en decembro de 2016. Ana Enjamio regresaba á súa casa de madrugada, tras participar na cea de Nadal da empresa á que tamén asistiu o único acusado deste asasinato. Segundo o propio escrito da Fiscalía, César Adrio abordouna no portal da súa casa e alí mesmo asestoulle polo menos 28 puñaladas.

Despois, o presuntor autor destes feitos marchou á casa dos seus pais para ducharse, cambiarse de roupa e desfacerse da arma do crime e do teléfono da moza de Boqueixón, asentada en Vigo. 24 horas despois de coñecerse a fatal noticia, César Adrio era detido pola policía que xa lle seguía a pista. De feito, precisou atención sanitaria tras autolesionarse cunha arma branca nas horas previas á súa detención.

A Fiscalía solicita penas para o presunto asasino que suman 27 anos de cadea e indemnizar a familia de Ana Enjamio con 450.000 euros por danos morais. Tamén se lle atribúe un delito de acoso, ao considerar que César Adrio a someteu a unha total fustrigación tras romper ela a relación que mantiñan en xullo dese mesmo ano. Pola sua parte, a acusación popular, solicita 33 anos de prisión.

O procesado será xulgado este xoves na sección quinta da Audiencia en Vigo. Todo está listo para que se celebre a vista, á espera de confirmarse a inclusión dos dous integrantes que faltan para conformar o xurado popular que xulgará o crime de Ana Enjamio.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019