CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Esta semana chegan a Galicia os beneficiarios do programa Reencontros

Publicado o 19/06/2018 15:24

Esta semana chegan a Galicia os beneficiarios do programa da secretaría xeral da Emigración, Reencontros na casa, cos que 180 xubilados galegos residentes no exterior reciben axudas para poder custear a viaxe e vir ver a familia.

Da Arxentina, a histórica quinta provincia, procede a gran maioría, que xa teñen a maleta lista e as emocións á flor de pel.

60 galegos residentes na Arxentina dende hai décadas viaxan esta semana a Galicia para reencontrarse coas súas familias e fortalecer os vínculos coa terra. Son todos maiores de 65 anos e durante unha reunión informativa aquí na delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires todos irradiaban felicidade e moita emoción horas antes de partir.

Unha viaxe en avión nunca significou tanto para este grupo de galego-arxentinos. Son os beneficiarios do programa da secretaría xeral da Emigración, Reencontros na casa, que lles permitirá pasar uns días cos seus en Galicia.

Moitos regresan por primeira vez dende que emigraron, é o caso de Justo, quen deixou o Barco de Valdeorras con 3 anos.

Justo Losada Losada, participante de Valdeorras no programa Reencontros na casa: "Agora facemos videoconferencia pero non é o mesmo que coñecer a familia alá. Eu vin de moi pequeno e non os vin nunca máis".

Outros coñecerán por fin a terra da que tanto lles falaron os seus pais, como Elsa, que pasará 15 días en Corme na casa dunha tía á que aínda non coñece en persoa.

Elsa Mercedes Mansilla García, participante arxentina en Reencontros na casa: "Con moito nervio, moita emoción, agardando chegar e atoparme con toda a miña familia de alá".

Ou María Teresa, que volve a Cuntis 63 anos despois.

María Teresa Torres González, filla de galegos participante nos Reencontros na casa: "Realmente volvo non só para ver os meus curmáns, que teño un montón, senón para ver dúas tías. Unha que fixo 101 anos".

Senten que nesta viaxe salda unha débeda coa súa Galicia soñada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí