CRTVG

Buscar

Esta fin de semana o Sergas citou máis de 7.000 persoas a cribados masivos

Publicado o 23/05/2021 20:39

O hospital da Barbanza acolleu esta mesma tarde outro cribado. Neste caso, para 400 traballadores da planta que ten en Couso a conserveira González Montes.

A comarca da Barbanza é unha das zonas en observación polo número de casos. Rianxo e Boiro están no nivel medio de restricións e Ribeira e A Pobra no nivel alto. Na Pobra xa se fixo este sábado un peneirado para 2.000 veciños de 20 a 40 anos, a franxa de idade en que están detectando alí máis contaxios. Acudiron o 53 % dos citados.

A participación foi maior no cribado organizado o sábado á mañá en Mos. Montouse no instituto, que ten dúas aulas pechadas por un gromo. Chamaron 700 alumnos e profesores ás probas e foron 550, un 78 %.

Mos, no nivel alto de restricións, é o concello coa peor situación da área sanitaria de Vigo. Non se descarta facer alí outra busca de asintomáticos entre a poboación xeral.

Hai pouco, ás nove da noite, acabou o cribado máis grande da fin de semana, o montado en Culleredo para 4.300 veciños de 20 a 36 anos. "Ao final somos aos que máis nos gusta saír, e levar un control paréceme ben co que está pasando", dicía unha das participantes.

Culleredo está no nivel medio baixo de restricións, pero os contaxios van en aumento. Hoxe hai 35 casos activos, 26 deles detectados na última semana. "Parece que nos últimos días si que subimos bastante. Tiñamos un pico baixo hai unhas semanas e agora estamos outra vez para arriba. Os cribados son necesarios e non nos custa nada. É unha responsabilidade cívica e leva cinco minutos", explicaba outra das convocadas.

Os responsables sanitarios non informaron de momento sobre o nivel de participación neste cribado.

Noticias web

23/05/2021