CRTVG

Buscar

Esquerra Republicana votará non á prórroga do estado de alarma

Publicado o 04/05/2020 19:45
Esquerra Republicana votará non á prórroga do estado de alarma

A Executiva Nacional de Esquerra Republicana decidiu esta tarde que o grupo parlamentario Republicano votará non á prórroga do estado de alarma no Congreso dos Deputados esta semana.

Aseguran que "O estado de alarma non é o mecanismo adecuado. Demostrouse que non o era durante toda esta crise e así o denunciamos. A centralización foi un erro. Abstivémonos por responsabilidade e para dar un voto de confianza ao Goberno español. E pedimos rectificación na retirada de competencias e espazos de soberanía. Non o fixeron. Non escoitaron. Non podemos seguir dando os nosos votos para facilitar este estado de alarma".

Esquerra Republicana considera que Catalunya debe poder decidir coas plenas competencias como se aborda a nova fase de desconfinamiento en que entramos, porque as decisións e a súa aplicación son moito máis efectivas desde a proximidade e co máximo coñecemento da realidade social.

"Debe acabar a militarización e a restrición de dereitos, liberdades e competencias que impón o estado de alarma. Isto non é unha guerra, non necesitamos un mando único do Ministerio de Defensa, esta situación debe xestionarse con criterios médicos e políticos como defendemos desde o principio. Débense prorrogar as medidas excepcionais, non o estado de alarma", afirman.

Dende ERC manteñen que "entramos nun cambio de fase, entramos na fase do desconfinamento, e non podemos permitir que se volvan repetir os erros que se deron na primeira fase. Esta segunda fase require da asunción das competencias de xestión propias do 'Govern' da Generalitat".