Izquierda Unida abre a porta a renunciar a un goberno de coalición e pídelle a Podemos un acordo programático co PSOE
• Os socialistas xa non falan de goberno de coalición con Podemos
• O Rei dá tempo aos partidos para negociar antes de convocar novas consultas
• Casado reúne o martes a cúpula do PP para analizar o escenario político
Non pasaran 24 horas desde que Unidas Podemos frustrara a investidura de Pedro Sánchez, e os de Pablo Iglesias apremaban xa os socialistas a volver negociar un bipartito.
Ione Belarra, de Unidas Podemos, insistía en que "agora tócalle ao señor Pedro Sánchez moverse e deixar de poñer problemas para que ese goberno de coalición sexa unha realidade o antes posible. Eu non o deixaría para setembro se fose el. Creo que tería que traballar en agosto e poñerse en serio a construír ese goberno de coalición"
Pero a posición de Podemos é hoxe máis feble, e ata os seus socios de Izquierda Unida lle piden que negocie un acordo programático co PSOE aínda que non entren no executivo. De todos os xeitos, os socialistas xa dan esa porta por pechada.
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, asegura que "ao Goberno de coalición pechoulle as portas Unidas Podemos. Esa vía xa foi explorada e non funcionou. Toca explorar outras situacións"
O PSOE traballará agora por un acordo á portuguesa, isto é, un goberno monocor con apoio parlamentario. Calvo tamén empuxou a dereita a que non sigan, dixo, de brazos caídos. O PP reitera que non se dan as condicións para a abstención.
Pablo Casado, presidente do PP, advirte que "nós só nos imos guiar polos feitos. Se Pedro Sánchez quere agora dar unha viraxe na súa estratexia, o primeiro que debería facer é ir a Navarra e dicirlle ao Partido Socialista de Navarra que non pode pactar por acción ou por omisión cos herdeiros de Batasuna"
A conta atrás xa está en marcha: teñen 59 días para poñerse de acordo ou abocar os españois a unhas novas eleccións.