Galicia espera a chegada de Justine
Ao longo da tarde deste xoves a forza do vento de compoñente sur foi a máis sobre todo no litoral. Na costa da provincia da Coruña activouse un aviso por vento no mar entre a Costa da Morte e o Ortegal. En Cedeira rexistráronse refachos máximos de máis de 80 km/h. Na cidade da Coruña acadaron os 65 quilómetros por hora.
Houbo fortes ventos tamén en terra. En Santiago, ao vento sumouse a chuvia. Pero a zona máis afectada foi a Mariña de Lugo, onde se activou un aviso por refachos fortes que en Viveiro superaron os 100 quilómetros por hora. Nas próximas horas Galicia agarda a chegada dun novo temporal de mar que traerá máis vento e chuvia. É a borrasca Justine, a quinta que entra en Galicia este mes.
Os primeiros efectos de Justine comezarán a notarse en Galicia na tarde deste venres e intensificaranse durante a fin de semana.