CRTVG

Buscar

Á espera de novos datos que avalen a administración da vacina de AstraZeneca a maiores de 55 anos

Publicado o 11/02/2021 14:59

A Organización Mundial da Saúde di que non hai razóns para non administrala aos maiores, pero de momento aquí a recomendación non se move: a vacina de AstraZeneca só se pautará entre os 18 e os 55 anos, á espera de máis datos.

"Creo que en breve haberá máis datos, non entendo as présas agora por cambiar as franxas en que estamos seguros", di o inmunólogo Alfredo Corell.

"Non é que non sexa válida, é que non hai datos abondo. O mellor é axustarse á franxa que sabemos que a súa eficacia é correcta", engade. 

E dentro desa franxa de idade, tampouco se recomendaría a vacina de AstraZeneca para os máis vulnerables: nin para os que están máis expostos ao virus nin para os que teñen patoloxías graves. Unha recomendación que ten que ver coa efectividade da fórmula: "Se xa sabemos que as de ARN son eficaces ao noventa e pico por cento, e a de AstraZeneca non chega ao oitenta, pois que os vulnerables poñan as que conseguen máis eficacia", opina Corell. 

Administrada en dúas doses con dez ou doce semanas de diferenza ten unha eficacia do 70 por cento, menor que as outras fórmulas, pero alta á fin e ao cabo.

"É mellor isto que nada" di o inmunólogo. "E se non vai haber doses suficientes das de ARN, pois hai que poñer as que teñan unha eficacia razoable". Para el, o 70 por cento "é moi razoable", e di que está, por exemplo, "moi por riba das vacinas da gripe".

A estratexia de vacinación coa fórmula de AstraZeneca podería revisarse nas próximas semanas, cando se coñezan os resultados dos ensaios clínicos en desenvolvemento.

Noticias web

11/02/2021