Malia a tendencia á baixa nos contaxios, as aglomeracións non axudan
Para decidir que facer no Nadal non axudan en nada as imaxes de aglomeracións que vimos esta fin de semana nalgunhas capitais. Malia que se mantén a tendencia á baixa nos contaxios, os expertos advirten do risco de que se adiante a terceira vaga se actuamos con irresponsabilidade. Acendéronse as luces de Nadal, abriron os comercios e comezaron as xornadas de compras, animadas polas ofertas do Venres Negro importado dos Estados Unidos. E así se encheron as rúas do centro de Madrid.
O Concello asegura que estas aglomeracións entran dentro do previsto para a fin de semana. O venres comezou o dispositivo especial de Nadal da Policía Municipal de Madrid. Prevense entre 75 e 100 axentes máis cada día na zona centro.
Amoreamentos de xente similares víronse tamén noutras cidades polo mesmo motivo: prendido das luces de Nadal e comercios abertos con ofertas. Así estaban, por exemplo, Bilbao... e mais Valencia. En Cataluña houbo que sumarlle que esta foi a primeira fin de semana cos bares abertos despois dun peche de máis dun mes. Pero, polo de agora, catro mil concellos de España aínda están sometidos a algún tipo de restrición.