CRTVG

Buscar

España supera A China e xa é o segundo país do mundo con máis mortes por coronavirus

Publicado o 25/03/2020 23:55

• 738 falecidos en España nas últimas 24 horas, 3.434 mortos en total

• 47.610 casos confirmados de coronavirus en España

• España pecha coa China unha compra de material por valor de 430 millóns

España xa é o segundo país do mundo en número de falecidos polo COVID-19, por detrás de Italia. Os 738 falecidos no territorio nacional nas últimas 24 horas fan ascender a cifra a 3.434, superando así A China, que mantén a súa cifra de falecidos en 3.281.

A día de hoxe, en España hai un total de 47.610 contaxiados, mentres que na China a pandemia afectou unhas 81.218 persoas.

Italia segue sendo o país máis afectado pola pandemia do coronavirus. O país italiano suma, polo menos, 6.820 mortes, con máis de 69.000 diagnosticados.

Nas últimas 24 horas rexistráronse en España case 8.000 novos casos. Do total de contaxiados (47.610), máis da metade están hospitalizados, ata un total de 26.900. 

Hai 3.166 persoas na UCI, cun uso desigual destas unidades por comunidades, segundo explicou o director de Alertas Sanitarias, Fernando Simón, que puxo como exemplo un aumento de ingresos en UCI en Cataluña e un descenso na Comunidade de Madrid.

"Se non estamos no pico, estamos moi preto", dixo Simón, que engadiu que nesta semana é probable que se poida comprobar o efecto da confinamento na extensión da enfermidade.

O dato positivo é que xa están contabilizadas 5.367 persoas curadas.