CRTVG

Buscar

Illa asegura que estamos nunha fase de estabilización malia un novo pico de 849 mortes

Publicado o 31/03/2020 12:38

• Os contaxios aumentaron onte un 11%, con 9.922 novos positivos 

 

España volve alcanzar o número máximo de de vítimas nun día; onte faleceron 849 persoas contaxiadas de coronavirus, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade. O número total de falecidos ata agora, segundo o cómputo do Goberno, é de 8.189 persoas.

O número de positivos confirmados é de 94.417, deles 5.607 están ingresados na UCI e 19.259 xa recibiron a alta.

Por comunidades autónomas, Madrid segue sendo a máis castigada, con 27.509 persoas contaxiadas; delas están ingresadas na UCI 1.514 e faleceron 3.603 persoas. Xa están curadas na comunidade de Madrid 4.330.

Cataluña é a segunda comunidade máis afectada, con 18.713 contaxiados e 1.672 mortos. Séguea Castela-A Mancha, con 6.424 contaxios e 708 persoas falecidas.

A comunidade menos castigada pola enfermidade COVID-19 segue a ser Murcia, con 974 persoas contaxiadas e 708 falecidas.

Melilla leva 54 contaxios e unha vítima mortal, e Ceuta tamén un falecido e 34 contaxiados.

Illa asegura que estamos en fase de estabilización 

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou que España se atopa na fase de estabilización na loita contra a pandemia de coronavirus e anunciou que o obxectivo desta semana é o da retardación dos contaxios. Así o dixo na conferencia de prensa que ofreceu coa ministra de Industria, na que dixo que desde o 25 de marzo se rexistrou un punto de inflexión cun crecemento medio do 12 % nas infeccións, aínda que advertiu que estamos nunha semana complicada e dura, "a piques de achegarnos e alcanzar o pico". Lembrou que os datos de hoxe mostran un aumento do 10 %, con 94.417 casos positivos de coronavirus, 9.222 máis que hai vinte e catro horas e 8.189 falecidos, 849 máis (11,5 %).