España suspende a vacinación con AstraZeneca para os menores de 60 anos
• Saúde Pública decidirá se amplía o seu uso dos 60 aos 70 anos
• A Xunta desconvoca os menores de 60 anos citados para vacinar
• Cales son os síntomas que alertan da trombose asociada a AstraZeneca?
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordan suspender temporalmente a vacinación con AstraZeneca en menores de 60 anos, pero seguiráselles poñendo aos maiores desa idade e ata os 65. Hoxe decidirase se os dous millóns de persoas, menores de 65 anos, que recibiron a primeira dose reciben a segunda dose doutra vacina ou quedan só coa primeira.
A decisión sobre que facer coa vacina de AstraZeneca atrasou a reunión do Consello Interterritorial de Saúde máis de catro horas, ata as oito e media da tarde. A ministra de Sanidade comparecía pasadas as once da noite.
Despois de que a Axencia Europea do Medicamento concluíra que os beneficios da vacina de AstraZeneca seguen sendo maiores que os riscos, a Axencia Española do Medicamento reiteraba a seguridade das vacinas e os poucos casos que se deron en España de efectos adversos.
Sanidade e comunidades acordan por tanto que, de momento, seguirase vacinando coa vacina anglosueca a persoas entre 60 e 65 anos, pero non menores desa idade. A comunicación de vacinas propón limitar o seu uso por precaución. Foi unha decisión que apoiaron todas as comunidades. Só Madrid votou en contra. Quería ampliar o límite a maiores de 65 anos. Euskadi e Ceuta abstivéronse.
A directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios María Jesús Lamas informou en confernecia de prensa de que en España se notificaron un total de 12 casos de aparición destes trombos "moi pouco frecuentes" nos 2,1 millóns de persoas ás que se lles foi inoculada a vacina. "As vacinas serven para previr enfermidades, e todas as aprobadas que están a ser usadas fronte á covid-19 son eficaces e seguras e están a contribuír dunha maneira decisiva a diminuír o impacto grave da enfermidade. Aínda que aparezan eventos adversos non se debe minimizar a confianza nas vacinas", sinalou Lamas.
O que agora queda por decidir é que pasa cos dous millóns de persoas, menores de 65 anos e persoal esencial como bombeiros, policías e docentes, e persoal sociosanitario, que recibiron a primeira dose e están pendentes de recibir a segunda. Barállanse dúas opcións: completar a pauta con outra vacina ou non poñerlles máis doses. A Comisión de Saúde Pública reúnese hoxe para adoptar a decisión definitiva.
Suspensión en Galicia aos traballadores esenciais menores de 60 anos
A Consellería de Sanidade suspende temporalmente a vacinación con AstraZeneca aos traballadores esenciais menores de sesenta anos. Julio García Comesaña asegura que se trata dun grupo moi reducido de persoas que a partir de hoxe recibirá unha mensaxe advertindo do aprazamento da administración da vacina.
Nunha entrevista no Galicia por diante, García Comesaña afirmou que a decisión do Consello Interterritorial de Saúde de vacinar con AstraZeneca só os maiores de 60 anos non altera o plan de vacinación da Xunta, xa que a maioría das doses de AstraZeneca se utilizan para inmunizar a poboación de entre 60 e 65 anos.
O conselleiro de Sanidade fixo un chamamento á tranquilidade aos cidadáns que están pendentes da segunda dose de AstraZeneca. Asegurou que se están estudando varias opcións e que nas próximas semanas se tomará unha decisión coa máxima evidencia científica.
Estudan non administrar a segunda dose
A ministra de Sanidade Carolina Darias avanzou este mércores que estudan a posibilidade de non pór a segunda dose aos vacinados con AstraZeneca xa que "a porcentaxe de eficacia é do 70 por cento só cunha soa dose".
Darias tamén se referiu a unha segunda posibilidade, que pasaría por "ver estudos" que poderían "avalar a evidencia científica de administrar a segunda dose con outra vacina" diferente á de AstraZeneca.
Neste senso, a ministra subliñou que se se administra ou non a segunda dose aos vacinados de AstraZeneca ou se recorre a outra farmacéutica é algo que "está por determinar". O futuro das segundas doses pendentes queda á espera do que se decida na Comisión de Saúde Pública e se traslade ao Consello Interterritorial, aínda que Sanidade xa estuda non chegar a pór esa segunda dose, xa que a primeira xa protexe nunha porcentaxe elevada, ou completar a pauta con outra vacina.
Uns dous millóns de españois foron xa vacinados coa primeira dose do soro de AstraZeneca, e gran parte deles, os menores de 60 anos, quedan pendentes do que decidan as autoridades sanitarias sobre a segunda dose.