España, un dos países aos que o Goberno dos Estados Unidos recomenda non viaxar
España figura nunha longa lista de países aos que o Goberno dos Estados Unidos aconsella non viaxar por mor do coronavirus.
O Goberno de Donald Trump decidiu retirar a recomendación de non facer viaxes ao estranxeiro aínda que lles pide cautela aos seus cidadáns en caso de facelo.
A Administración estadounidense emitira no mes de marzo unha recomendación a toda a poboación de non saír do país.
Agora opta por flexibilizar esta recomendación e o departamento de Estado publica unha lista de países con distintas advertencias en función da situación creada polo coronavirus.
Así, no caso de España cre que hai que reconsiderar a viaxe, e a mesma recomendación para outros destinos como Italia, o Reino Unido ou Alemaña.
O Goberno fai un chamamento á cautela dos seus cidadáns se teñen pensado saír dos Estados Unidos, que seguen sendo con case 160.000 mortos o país máis afectado pola pandemia.
Unha pandemia que agora golpea con toda dureza América Latina. A rexión rexistra case a cuarta parte dos máis de 18 millóns de contaxiados que hai en todo o mundo e algúns sistemas sanitarios, como o peruano, están a piques de colapsar.
Ante o aumento dos contaxios en todo o mundo, a OMS puxo en marcha unha campaña para recomendar o uso da máscara de proteccion.
A proposta é que cada quen e faga unha foto ou un vídeo con ela posta e llela envíe a amigos e coñecidos como xesto solidario e de proteccion dos máis vulnerables.