España terá que cumprir coas condicións da UE para acceder ao fondo de recuperación
Para acceder a eses 140.000 millóns do fondo europeo, España ten que presentar ante Bruxelas, este outono, un plan de reformas e investimentos que contente a maioría dos socios e que cumpra determinadas condicións. Para o presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel A. Vázquez Taín, "incluso nos pode vir ben que nos empuxen a facer eses deberes. Non ten que pasar por un recorte do gasto, pero si unha racionalización".
A Unión Europea pídelle a España unha reforma do actual sistema de pensións. Para a doutora en Economía Aplicada na USC María Cadaval eses cambios poderían supoñer "unha xubilación probablemente máis tarde do que neste momento e unha forma de cálculo do monto total desa pensión distinta á de agora".
O Goberno tamén podería ter que aparcar a súa prometida derrogación da reforma laboral e buscar a maneira de recadar máis cartos. Aínda así, estes dous economistas consideran que este non é o momento de falar de subas de impostos aínda que chegarán no medio prazo.
Pola súa parte, o Goberno descarta rebaixas a curto. Por exemplo, a baixada do IVE que lle piden os hostaleiros. A ministra de Industria e Turismo, Reyes Maroto, asegurou que "non está na axenda neste momento porque supón un esforzo orzamentario importante".
Polo momento non se sabe como se distribuirá o fondo europeo entre as comunidades autónomas, aínda que os expertos xa calculan que Galicia podería conseguir entre sete e oito mil millóns de euros.