CRTVG

Buscar

España supera os dous millóns de contaxios e a incidencia sobe 25 puntos

Publicado o 07/01/2021 19:13

O Ministerio de Sanidade notificou 42.560 novos positivos de covid-19, o que eleva a cifra total de contaxios a 2.024.904 e a de mortes a 51.675, con 245 máis desde o martes, así como un ascenso de 25 puntos -321- da incidencia acumulada en 14 días por cada 100.000 habitantes.

Segundo os datos facilitados pola xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio español de Sanidade, este xoves hai ingresadas unhas 14.500 persoas (659 enfermos de covid máis que o martes), o que se traduce nunha ocupación hospitalaria de 12% (11,38 % o martes) mentres que nas UCI é do 24 % (23,13 %).

Ante estes datos, María José Sierra expresou a preocupación de Sanidade e "coa tendencia ascendente" dos contaxios e advertiu de que seguirá o crecemento nos próximos días", un ascenso gradual que, lembrou, se observa desde o pasado 10 de decembro. 

"É pronto para valorar o impacto das semanas de festivos e Nadal", dixo a doutora, aínda que recoñeceu que "como se prevía, a curva está a ascender claramente", pero pediu "esperar uns días ata ver que nivel de ascenso se alcanza".

A experta rexeitou que se estea barallando un novo "confinamento duro" da poboación, aínda que defendeu a adopción de "medidas serias ante as actividades que sabemos que son un risco" para frear os contaxios, "como están a facer xa as comunidades" e que, anunciou, iranse revaluando "se non funcionan".

Sierra destacou que hai oito rexións cunha incidencia acumulada de máis de 300 casos por cada 100.000 habitantes, e catro delas superan os 400 contaxios: Estremadura (716,58), Baleares (529,29), Madrid (452,19) e Cataluña (411,47). O resto de comunidades cunha incidencia maior de 300 casos por cada 100.000 habitantes son Castela-A Mancha (397,62), Comunidade Valenciana (343,74), A Rioxa (385,73) e Melilla (305,25).

Sanidade notificou este xoves 6.498 novos diagnósticos confirmados nas últimas 24 horas, dos que 1.045 rexistráronse en Madrid, 794 en Cataluña, 753 en Galicia, 649 en Castela e León, 631 en Estremadura e 626 en Andalucía.

Nos últimos sete días producíronse 530 falecementos de enfermos de covid, (fronte ás 550 reportados o pasado martes para o mesmo período), dos que 135 producíronse na Comunidade Valenciana, 71 en Madrid, 50 en Andalucía e 37 en Galicia.

Desde que se iniciou a pandemia, Madrid sitúase á cabeza do número de falecementos, con 11.953 defuncións, seguida de Cataluña, con 8.797, Andalucía, con 5.210, e Castela e León, con 5.128.

Este xoves a maior presión hospitalaria nas UCI onde hai ingresadas 2.307 (87 máis que o martes), segue estando en Cataluña, con 38,71 (36,84 % o martes); seguida das Baleares, con 36,27 (34,58 %); Comunidade Valenciana, con 35,08 % (34,40 %); A Rioxa, con 35,08 % (28,33 %); Madrid, con 31,40 % (30,06 %); Castela-A Mancha, con 26,70 % (26,84 %), e Castela e León, con 25,09 (unha décima menos que o martes). 

 

 

Noticias web

07/01/2021