CRTVG

Buscar

España supera os 100.000 contaxios e alcanza un novo máximo diario de mortes: 864

Publicado o 01/04/2020 20:33

• Algo máis de 51.000 persoas hospitalizadas en España desde o inicio da pandemia.

• 22.647 persoas xa están curadas

España achégase ás cifras de Italia en número de contaxios. Por quinto día consecutivo supéranse os 800 falecidos. Aínda que o numero de casos novos se desacelera, nin sequera os expertos poden asegurar se se chegou ao pico.

Fernando Simón asegura que xa non estamos nesa batalla, que agora o que importa é atender a todos os hospitalizados, pero o ministro Salvador Illa anuncia que nos espera unha semana moi dura ata chegar ao pico de contaxios.

Coinciden ambos en que tanto as novas hospitalizacións coma os ingresos na UCI se están estabilizando. Un alivio para comunidades como Madrid, Cataluña ou Castela-A Mancha, que excederon con moito a súa capacidade.

"É unha noticia moi boa para algunhas comunidades", di María José Sierra, "que están vendo mellorada a presión hospitalaria".

22.647 persoas recibiron a alta. Fernando Simón confirmou que, de momento, non se produciron recaídas.