CRTVG

Buscar

España poñerá a vacina de Janssen a persoas vulnerables e ao grupo de 50 a 59 anos

Publicado o 11/05/2021 21:32
España poñerá a vacina de Janssen a persoas vulnerables e ao grupo de 50 a 59 anos

A Comisión de Saúde Pública aprobou esta tarde ampliar o uso da vacina de Janssen ás persoas de 50 a 59 anos e a grupos vulnerables difíciles de captar, como persoas con discapacidade, autismo e enfermidades mentais severas.

Os técnicos do Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas reuníronse este martes para analizaren unha nova actualización da estratexia de vacinación coa incorporación de novos grupos. Así, acordouse priorizar a vacinación a grandes dependentes de difícil accesibilidade, persoas con autismo profundo, discapacidade intelectual ou enfermidade mental severa.

Sobre a vacina de Janssen, a comisión decidiu seguir usándoa de forma simultánea ás de ARNm para completar a vacinación de persoas de máis de 60 e, a continuación, para o grupo de 50 a 59 anos.

Ademais, a vacina Janssen, pola súa característica de única dose, sería recomendable en persoas difíciles de captar para a vacinación, cooperantes que se despracen en misión a países de alto risco e persoas que por razón da súa actividade non se vaian atopar en España nas datas da segunda dose.

Así o afirma Sanidade na nota en que informa dos acordos alcanzados e en que lembra que a estratexia de vacinación se vai modificando conforme se van autorizando e recibindo vacinas, se amplía o coñecemento e vai mudando o contexto da pandemia. Engade que a Actualización 7, aprobada hoxe, incorpora as recomendacións de vacinación nos grupos de poboación, tras un traballo conxunto dos Ministerios de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e de Sanidade. 

Noticias web

11/05/2021