CRTVG

Buscar

España suma 535 mortes dende o venres pola covid−19 e cae a incidencia a 252

Publicado o 22/02/2021 18:35

O Ministerio de Sanidade notificou 20.849 casos de covid−19 esta fin de semana, dos cales 1.614 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 3.986 do pasado venres. Desta forma, en total xa se diagnosticaron de covid−19 3.153.971 persoas en España. A taxa media actual de contaxios en España nos últimos 14 días segue reducíndose; sitúase nos 252,19 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 294,71 do venres.

O novo informe publicado polo departamento que dirixe Carolina Darias rexistra 535 falecidos máis que o venres e 814 na última semana. En total xa son 67.636 as persoas que faleceron por covid−19 en España. Actualmente hai 15.208 pacientes ingresados en toda España e 3.533 nunha UCI. A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase xa no 12,10 por cento e nas UCI no 33,02 por cento

Con eses indicadores, especialmente o da incidencia acumulada, España  queda a piques de saír do risco extremo. Ainda así, o Ministerio de Sanidade cre que non se deben relaxar máis da conta as medidas de control. Polo que respecta ás vacinas, o Ministerio non descarta reverter a decisión de administrar a de Astrazéneca a maiores de 55.

Os datos son esperanzadores e reflicten unha tendencia á baixa, pero Fernando Simón insiste en que se debe evitar unha relaxación excesiva das medidas porque a a ocupación das UCI aínda é moi elevada

España superou esta semana os tres millóns de doses administradas da vacina contra a covid−19, e xa hai evidencias que avalan os seus efectos.

Fernando Simón tamén se referiu aos recentes informes que avalan a eficacia da vacina de Astrazéneca en maiores de 80 anos, e non descarta que España poida reverter a decisión de administrala aos maiores de 55.

España ten 898 casos confirmados da cepa británica, a de maior incidencia neste momento, pero por debaixo das estimacións iniciais. Posiblemente, segundo Simón, porque estamos en fase de descenso e a trasmisión está moi controlada.

 

Noticias web

22/02/2021