Polémica ao notificar Cataluña máis de 600 falecidos de golpe
O director do Centro de Emerxencias e Alertas Sanitarias, Fernando Simón, non agochou a súa preocupación porque desde hai dous días teñen que validar os datos que lles chegan de Cataluña sobre a pandemia porque son incongruentes:"Tanto as autoridades de saúde pública de Cataluña coma o Ministerio de Sanidade imos ter que estar moi pendentes do que sucede porque non é menor que non poidamos saber que é o que está pasando realmente en Cataluña".
De feito, o Ministerio de Sanidade incorporou este venres 688 mortos por coronavirus ás táboas de falecidos que, segundo informou Simón, débese ao atraso de Cataluña na notificación dos seus falecidos. "Cataluña fixo hoxe unha notificación moi importante de datos de falecidos, pero a maioría eran antigos que, pola razón que fose, nun momento determinado ao longo dun período relativamente importante de días non foran situados cando lle correspondería e foron notificados esta mañá", argumentou.
56 vítimas en España nas últimas 24 horas
O número de mortes diarias sitúase nas 56 e nas últimas horas rexistráronse 446 novos contaxios confirmados por PCR. Así o indican os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade.
En total hai 234.824 casos confirmados de Covid-19 por PCR e 28.628 falecidos en España. Nas últimas 24 horas, 123 persoas precisaron de hospitalización. A cifra total de hospitalizados ascende a 124.642; así mesmo reportáronse 20 casos que precisaron de coidados intensivos. En total, 11.462 persoas ingresaron na UCI, dende o inicio da pandemia. As Baleares, as Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Melilla e Murcia foron os únicos territorios que non rexistraron ningunha nova hospitalización.
A pesar dos máis de 400 novos contaxios e do medio cento de novos falecidos, Ferando Simón insiste en que a situación vai mellorando sen apenas pasos atrás. "Esta é unha evolución que se mantemos as medidas de precaución, as medidas de control que estamos aplicando todos, que todos coñecemos e temos coidado na volta ás actividades que nos van permitindo., o paso ás diferentes fases, isto implica que podemos estar moi cerca de ter o virus en niveis practicamente indectables"
A repartición dos 446 novos positivos, confirmados por PCR, quedaría do seguinte xeito:
• Andalucía: 29
• Aragón: 30
• Asturias: 2
• Baleares: 13
• Canarias: 5
• Cantabria: 5
• Castela-A Mancha: 41
• Castela e León: 47
• Cataluña: 150
• Ceuta: 5
• Comunidade Valenciana: 34
• Estremadura: 2
• Galicia: 7
• Madrid: 53
• Melilla: 0
• Murcia: 2
• Navarra: 5
• País Vasco: 13
• A Rioxa: 3
No tocante aos falecidos nas últimas horas: Andalucía 2; Aragón 10; Asturias 0; Baleares 1; Canarias 0; Canarias 0; Castela-A Mancha 10; Castela e León 1; Cataluña 3; Ceuta 0; na Comunidade Valenciana 6; Estremadura 1; Galicia 1; Madrid 13; Melilla 0; Murcia 0; Navarra 2; no País Vasco 4; e na Rioxa 2.