España suma 3.400 casos, e 169 falecidos nun día
• Sanidade fará os tests rápidos de detección
España suma 3.400 novos casos, e 169 falecidos nas últimas 24 horas. Nun día, o número de contaxios medrou un vinte e cinco por cento. Sanidade cre que aínda non se chegou ao pico máximo de contaxios, por iso insiste na importancia de respectar escrupulosamente as medidas do estado de alarma. Os tests de detección rápida de coronavirus queren poñelos en marcha canto antes.
O numero de positivos por coronavirus rexistrados en España nas últimas 24 horas é de 3.400, o cal supon un aumento de casos dun vinte e cinco por cento respecto ao día anterior. En total, son xa 17.147 os contaxiados. O número de falecidos por coronavirus elévase a 767, tras se sumaren 169 nas últimas 24 horas.
Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias: "Iso non indica que vaiamos mal, iso indica que, probablemente, estamos pouco a pouco aproximándonos a ese pico máximo. Eses son os días difíciles. Ata que pasemos e empezemos a descender de forma estable o número de casos imos ter que asegurarnos de que as medidas de control se fan e se executan da forma máis estrita posible".
Entre os mortos, está unha enfermeira do País Vasco de 52 anos. É a primeira falecida entre o persoal sanitario. O número de pacientes con coronavirus ingresados na UCI tamén se incrementa: son 939.
Sanidade fará os tests rápidos de detección
Nos próximos días poderían estar dispoñibles os tests rápidos de detección de coronavirus. Son para facer ás persoas con síntomas leves e controlar así a fase de contaxio.
Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias: "Son tests rápidos que poden dar un resultado con bastante fiabilidade en 10-15 minutos unha vez que se obtén a mostra, pero é certo que para a obtención da mostra fai falta certa formación do persoal".
Sanidade insiste na importancia de cumprir as normas de confinamento para conter a propagación do coronavirus.