CRTVG

Buscar

España, preto da meta do 70 % da poboación coa pauta completa, que se revisará á alza

Publicado o 08/08/2021 14:47

Esta fin de semana estaba previsto chegar practicamente á fronteira do 60 % da poboación vacinada coa pauta completa. O venres rematou cun 59,5 % e máis de 28.250.000 persoas completamente inmunizadas. Distintas fontes coinciden en que se chegará ao obxectivo do 70 % a finais de mes e, de feito, a poboación vacinada polo menos cunha dose xa se sitúa ás portas, no 69,8 %.

Pero coa transmisibilidade da variante delta tamén se presupón que ese referente do 70 % non vai chegar, que hai que ir máis aló. Así o recoñecía Fernando Simón, que reapareceu esta fin de semana nunha homenaxe na provincia de Zaragoza despois dun mes fóra de foco: "Se agora o número de reprodución, a transmisibilidade, é un pouco maior, o que hai que facer é vacinar un pouco máis. En España todos os grupos que remataron de vacinarse xa están moi por enriba do 90 %, co cal en España agora mesmo non teriamos maiores problemas".

Simón considera que non é necesaria a obrigatoriedade da vacina nin o certificado covid para acceder a determinados lugares. Entende que en España a xente responde moi solidariamente inmunizándose e asegura que haberá unha decisión sobre unha terceira dose da vacina en pouco tempo: "É verdade que a opción dunha terceira vacina para as persoas que xa as recibiron está sobre a mesa, que é unha das cousas que teremos que decidir nas próximas semanas. Non estou falando xa de moitos meses, senón de poucas semanas. Haberá que tomar decisión nas próximas semanas, pero haberá que facelo avaliando a información".

Pfizer comprometeu para este mes 3,4 millóns de doses a maiores e desde esta domingo chegará xa o primeiro millón. En agosto estaba previsto contar con 13 millóns de doses da vacina e dese xeito vanse superar os 16, unha cifra que facilitará chegar ao 70 % de poboación inmunizada.

Noticias web

08/08/2021