CRTVG

Buscar

España roza o 70 % da poboación inmunizada

Publicado o 31/08/2021 21:34

España pecha o mes de agosto a piques de alcanzar o 70 % da poboación vacinada, unha cifra á que se chegará mañá. Así e todo, o Goberno di que o país está sendo un referente a nivel mundial, e que agora mesmo España é un lugares do planeta que está máis protexido fronte á covid.

A ministra de Sanidade compareceu esta tarde no Congreso para actualizar os datos da pandemia. Carolina Darias cualificou de éxito rotundo a campaña de vacinación en España, que xa é o cuarto país da Unión Europea con máis poboación inmunizada. O 69,5 % da poboación está vacinada, e xa hai sete comunidades que superan o 70 %.

Carolina Darias, ministra de Sanidade: "Polo tanto, señorías, compromiso cumprido. Compromiso cumprido por todos e para toda a cidadanía".

Desde a oposición, o Partido Popular di que non é hora de triunfalismos. Ana Pastor, PP: "Os datos confirman que non hai inmunidade de grupo. Así que, se non lle importa, preocupémonos de vacinar toda a poboación e deixémonos de triunfalismos".

Todos os grupos preguntaron pola terceira dose da vacina. Darias adiantou que, aínda sen unha decisión firme, hai coincidencia en que se lle administre á poboación inmunodeprimida.

Carolina Darias, ministra de Sanidade: "Sería unha dose de reforzo para completar a inmunidade que non lograron coas dúas primeiras. Estamos falando diso, nada máis".

A ministra asegurou que a variante delta representa o 88 por cento dos casos en España, polo que instou a non levantar a garda.

 

Noticias web

31/08/2021