CRTVG

Buscar

España rexistra unha repunta de 2.128 casos e o Ministerio suma outros 5.000 ao total

Publicado o 18/08/2020 17:12
España rexistra unha repunta de 2.128 casos e o Ministerio suma outros 5.000 ao total

O Ministerio de Sanidade informou este martes de 2.128 novos casos de covid-19, unha suba de 300 fronte a onte (1.833). Tamén se actualizou a cifra de contaxiados total, que ascende a 364.196, arredor de 5.000 máis que os notificados onte (359.082).Nas últimas dúas semanas, ata 17.833 persoas iniciaron síntomas, 4.678 nos pasados sete días.

Nos últimos sete días faleceron 63 persoas con proba diagnóstica de coronavirus positiva confirmada, para un total de 28.670 mortos, segundo as cifras oficiais achegadas por Sanidade coa información solicitada das comunidades autónomas. Do total da última semana, 3 son de Galicia.

Ademais, na pasada semana producíronse 1.096 ingresos hospitalarios (130.015 no cómputo global da pandemia): 144 en Andalucía, 139 en Aragón, catro en Asturias, 24 nas Baleares, 58 nas Canarias, 24 en Cantabria, 84 en Castela e León, 42 en Cataluña, un en Ceuta, 118 na Comunidade Valenciana, 14 en Estremadura, 61 en Galicia, 308 en Madrid, 35 en Murcia, 33 en Navarra, un no País Vasco e seis na Rioxa.

Tamén se rexistraron 65 ingresos en unidades de coidados intensivos (UCI), cunha cifra global de 11.992 desde que chegou o covid-19 a España: 16 en Andalucía, tres en Aragón, cinco nas Baleares, sete nas Canarias, un en Castela-A Mancha, seis en Castela e León, un en Cataluña, oito na Comunidade Valenciana, sete en Galicia, cinco en Madrid, dous en Murcia e catro en Navarra.