CRTVG

Buscar

España rexistra 95 mortos e 416 contaxios por coronavirus nas últimas 24 horas

Publicado o 20/05/2020 17:13

España suma este mércores 95 novas mortes pola COVID-19, o que supón unha repunta fronte ás cifras de onte. Así o reflicten os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade. O número total de falecementos dende o inicio da pandemia sitúase en 27.888. 

Ademais, tamén se produciu un avance no número de casos diagnosticados, con 416, en comparación cos 295 deste martes. En total, confirmáronse 232.555 positivos por PCR. Ademais, 31 persoas ingresaron en coidados intensivos nas últimas 24 horas, sumando un total de 11.445, e 193 precisaron de ingreso hospitalario, sumando un total de 124.616.  Con todo, Sanidade non informou do número de pacientes  recuperados da enfermidade.

Os datos por comunidades autónomas, no tocante aos contaxios, quedarían do seguinte xeito:

• Andalucía: 13 novos positivos

• Aragón: 31

• Asturias: 1

• Baleares 13

• Canarias: 6

• Cantabria: 4

• Castela-A Mancha: 62

• Castela e León: 37

• Cataluña: 63

• Ceuta: 2

• Comunidade Valenciana: 22

• Estremadura: 2

• Galicia: 9

• Madrid: 112

• Melilla 0

• Murcia: 2

• Navarra: 5

• País Vasco: 26

• A Rioxa: 6 

No tocante aos 95 falecementos notificados por Sanidade: 4 producíronse en Andalucía; 1 en Asturias; 2 en Baleares; 1 en Cantabria; 13 en Castela-A Mancha; 40 en Cataluña; 2 na Comunidade Valenciana; 18 en Madrid; 3 en Murcia; 10 no País Vasco; e 1 na Rioxa.

Os 31 ingresos en UCI localízanse en Andalucía (4), Canarias (1), Castela-A Mancha (1), Castela e León (4), Cataluña (9), Galicia (2) e Madrid (10).  Dos 193 casos que precisaron hospitalización, 14 atópanse en Andalucía, 1 en Asturias, 5 en Baleares, 1 en Canarias, 1 en Cantabria, 40 en Castela-A Mancha, cinco en Castela e León, 38 en Cataluña, 4 en Comunidade Valenciana, 1 en Estremadura, 4 en Galicia, 72 en Madrid, 3 en Navarra, 3 en País Vasco e 1 na Rioxa.

Simón atribúe o lixeiro aumento dos contaxios á mellora do diagnóstico precoz

Das 95 mortes notificadas nas últimas vinte e catro horas, preto do 40% producíronse en Cataluña. En Madrid baixan os falecementos, pero esta comunidade é a que rexistra o maior aumento de contaxios. No comité de emerxencias atribúen o incremento de novos infectados en España a que se fan probas a máis xente e con maior rapidez.

"A evolución nos últimos días non segue o ritmo tan rápido como observaramos antes. E unha razón clara é que agora mesmo o que estamos buscando é a detección precoz de todos os casos posibles, sexan con síntomas moi leves, sexan con síntomas graves ou con calquera tipo de sintomatoloxía compatible", explicou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias

Desde a prudencia Simón cre que a contención da epidemia vai ben. "De feito estamos avanzando a ritmos moito máis rápidos que Italia, onde a epidemia comezou polo menos unha semana antes ca nós", dixo Simón.

Italia, onde a pandemia tamén está en fase de remision, volveu sumar esta mércores 665 novos contaxios. A situación máis alarmante é a do Reino Unido, onde a cifra diaria de novos infectados é de case 2.500.