España rexeita a proposta de Bruxelas de redución das cotas de pesca
Hoxe en Bruxelas reúnense os ministros de Pesca para fixar as cotas do ano que vén. As negociacións prometen ser longas porque a proposta da Comisión implica fortes recortes nas capturas de especies relevantes para a nosa frota.
Esta mañá arrancaron unhas negociacións difíciles que durarán varias xornadas. España chega amosando xa a súa negativa a aceptar a proposta da comisión, que prevé fortes recortes nas capturas de especies que son vitais para a frota galega, como a da pescada. Tanto o ministro español como a conselleira do mar queren que se teña en conta a difícil situación económica que provocou a pandemia no sector e tamén as incertezas que trae consigo o Bréxit.
A conselleira do Mar acompaña o ministro Planas nestas negociacións. E é que Galicia xógase moito neste reparto de cotas de peixe. A Xunta calcula que a proposta da Comisión traería perdas por valor de trinta millóns de euros na nosa economía e afectaría a 2.300 tripulantes, ao incluír importantes recortes para a pescada, o peixe sapo e o rapante. O reparto prodúcese nun momento en que o sector está preocupado polas repercusións do brexit.
Rosa Quintana, conselleira do Mar, asegura que "o positivo sería chegar a un bo acordo de países irmáns que deben traballar xuntos. Non debemos esquecer que a maioría das especies que están nesas augas son especies migratorias e que, polo tanto, a súa explotación debe ser acorde ás normativas internacionais".
Polo momento, as negociacións semellan encalladas no tema da pesca e Boris Johson mesmo ameaza con sacar patrullas militares ao mar se a un de xaneiro non hai acordo.