CRTVG

Buscar

España recorrerá a sentenza da UE que anula a pesca no Sáhara Occidental

Publicado o 01/10/2021 21:40

España recorrerá a sentenza da Xustiza Europea que anula a pesca en augas do Sáhara Occidental dentro do acordo da UE con Marrocos. Agora, só queda acudir ao Alto Tribunal de Luxemburgo para evitar que en dous meses un cento de embarcacións deixen de traballar nesas augas.

A sentenza é moi recente, deste mesmo mércores. Fontes diplomáticas explican á Televisión de Galicia que aínda non houbo moito tempo para traballar no recurso. Pero confírmannos que chegará. E iso que cualifican como moi clara a decisión do Tribunal Xeral da UE. A corte anulou os acordos de Pesca e o Agrícola da UE con Marrocos porque non tiveron en conta o consentimento do pobo saharauí.

Un cento de barcos españois, entre eles unha decena de galegos, deixarían de capturar nas augas do Sáhara Occidental. Pero na diplomacia española, insístennos estas fontes, non se dubida sobre o recurso. E presentarase ante o Alto Tribunal de Xustiza da UE para frear un prexuízo ás frotas de pesca.
 

Noticias web

01/10/2021