CRTVG

Buscar

España recorda os mortos pola covid−19 e rende homenaxe aos sanitarios falecidos

Publicado o 15/07/2021 14:42

• O acto quixo mandar unha mensaxe de esperanza centrada no proceso de vacinación

Os reis presidiron este xoves no Palacio Real de Madrid o acto en que se lembrou os falecidos en España por causa da covid−19 e se rendeu unha homenaxe especial aos sanitarios que perderon a vida pola enfermidade.

"Pido aos nosos gobernantes que non deixen de ter presentes os nosos falecidos, que non esquezan a nosa dor", reclamou María Díaz, filla dun médico falecido polo coronavirus. Segura de que "sairemos a diante", coa dor de "ausencias que ocupan demasiado, silencios  atronadores, feridas que ningún cirurxián pode pechar", dixo.

María interveu en representación dos familiares dos 102 traballadores do sector sanitario falecidos durante a pandemia, e falou do seu pai, o doutor Joaquín Díaz Domínguez, xefe do servizo de Cirurxía e aparato dixestivo do Hospital La Paz, de Madrid, falecido aos 67 anos o 18 de abril de 2020, a poucos meses da súa xubilación. "Hoxe estou aquí porque o meu pai xa non está, como tampouco están fillos, parellas, pais, irmáns de todas as familias que hoxe asistimos a esta homenaxe; fago miñas todas as súas palabras, toda a súa dor", afirmou Maria.

Non obstante, non só tivo palabras para o seu pai e agradeceu que el, "como tantos outros pacientes, non estivo só", porque o acompañaron "médicos, enfermeiras, auxiliares, celadores...". "Eles foron nosas mans e os nosos ollos, eles fixeron un esforzo sobrehumano para lidar co sufrimento, antepoñendo o ben común ao seu propio benestar, traballaron sen descanso para que os nosos familiares non sentisen dor, para que se puidesen ir en paz", recoñeceu. 

Tamén pediu á sociedade que coide os seus coidadores, é dicir, a todos os profesionais sanitarios que forman parte dun Sistema Nacional de Saúde "único", que "basea a súa fortaleza no capital humano que esta pandemia irremediablemente deixou lastrado". 

No acto, conducido polo xornalista Fernando Ónega, o rei impuxo, en representación de todos os sanitarios homenaxeados, catro Grandes Cruces da Orde do Mérito Civil: a primeira delas, á filla do doutor Joaquín Díaz Domínguez, e as seguintes ás familias dos falecidos de menor e maior idade e mais á familia dunha sanitaria que, nacendo noutro país, traballou en España a maior parte da súa carreira profesional.   

Campaña de vacinación

Xunto a ese recoñecemento quíxose lanzar unha mensaxe de esperanza ante o proceso de vacinación e houbo unha parte do evento dedicada especialmente a iso.

Araceli Hidalgo, a primeira persoa vacinada en España, interveu no acto e pediu aos mozos "que respecten a pandemia".

Acompañada pola filla e sentanda nunha cadeira de rodas, enviou unha mensaxe a "todos os grupos sanitarios, que co seu traballo salvaron moitas vidas" e ás compañeiras e traballadores da residencia en que vive en Guadalaxara.

A finais de 2020, só nove meses despois de declararse a emerxencia, Araceli, de 97 anos, converteuse na primeira cidadá española en ser vacinada. Dende ese momento, case 25 millóns de persoas contan coa pauta completa.

O rei pide non esquecer

Filipe VI presidiu o acto acompañado pola raíña Letizia, e asisitiu o presidente do Goberno Pedro Sánchez xunto a todos os seus ministros, excepto o de Interior Fernando Grande-Marlaska, xa que ten unha reunión cos seus homólogos europeos.

O rei pediu "manter viva a memoría" do que supuxo para todos a pandemia e "non permitir o esquecemento", porque esa memoría "tamén se exerce apendendo todo do vivido. "España non vai esquecer a quen sen enfrentaron ao virus", dixo.

No Palacio Real estiveron presentes tamén o líder da oposición Pablo Casado xunto a representantes doutras formacións políticas. Quen non estivo fo o presidente de Vox Santiago Abascal, que, igual tamén que o ano anterior, declinou a invitación.

Estaban ademais representes de todos os poderes do Estado e os presidentes das comunidades e cidades autónomas, excepto o da Generalitat Pere  Aragonès, o lehendakari Iñigo Urkullu e o presidente de Estremadura Guillermo Fernández Vara.  A delegación galega estaba encabezada polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e o delegado do Goberno José Miñones.

Noticias web

15/07/2021