CRTVG

Buscar

España recibirá en decembro tres millóns de vacinas "se pasan os filtros de seguridade"

Publicado o 20/10/2020 17:45
España recibirá en decembro tres millóns de vacinas "se pasan os filtros de seguridade"

O Consello de Ministros autorizou a compra anticipada de vacinas, o que facilitará que España reciba 31.555.469 millóns de doses, das que 3,1 millóns chegarán en decembro se o fármaco de Astrazeneca supera todos os filtros de seguridade.

Anunciouno este martes o ministro de Sanidade, Salvador Illa, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, en que indicou que eses 31,5 millóns de vacinas, que serán de dobre dose e chegarán entre os próximos meses de decembro e xuño, servirán para inmunizar uns 15 millóns de cidadáns.

Desta forma, Sanidade concretará para España os termos do acordo formal de compra, subscrito o pasado 27 agosto, entre a Comisión Europea, en representación dos estados membros, e a empresa farmacéutica.

O acordo establecía a adquisición para Europa de 300 millóns de doses cun custo total de 870 millóns de euros, cun pago adiantado pola Comisión Europea de 336 millóns. España, en concreto, adquirirá 31.555.469 dose de vacinas, das que, se non hai atrasos, recibiranse 3.155.547 o próximo mes de decembro, asegurou o ministro.

O prezo total de cada dose sería de 2,90 euros, dos que 1,12 serán pagados pola Comisión Europea e 1,78 a cargo dos estados membros, un importe este último que pode incrementarse un 20 %, dixo Illa.

No caso de que a vacina de Astrazeneca non supere os ensaios clínicos -nestes momentos está xa na fase III dos ensaios-, a cantidade que corresponde aos estados membros non será abonada.

O Ministerio de Sanidade concreta nun comunicado que, ao requirir a vacina dúas doses por inmunización, o número de inmunizacións será a metade das doses, e o custo total por inmunización, de 5,80 euros, dos que 3,56 euros lle corresponderán a cada país.

O prezo tope estimado para España é de 76 millóns de euros, que se abonarán no momento da entrega das doses correspondentes, explica o departamento que dirixe Illa.

Sanidade lembra que a firma dos acordos avanzados de compra ten como obxectivo que a Unión Europea adopte as medidas necesarias para garantir "unha vacina segura e eficaz" aos estados. Tamén que a negociación coas empresas farmacéuticas se faga "nas mellores condicións posibles". O Ministerio especifica que para o cálculo das doses asignadas a cada un dos países tívose en conta criterios de poboación.