CRTVG

Buscar

España ratificará un convenio que amplía a protección contra a violencia e o acoso no traballo

Publicado o 02/03/2020 13:15
España ratificará un convenio que amplía a protección contra a violencia e o acoso no traballo

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, anunciou que España vai ratificar o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo sobre violencia e acoso no mundo laboral, amplificando a protección nestes casos.

Díaz explicou que España é o segundo país que pon en marcha a ratificación deste convenio -tras o anuncio de Uruguai- e que supoñerá amparar calquera situación de acoso no ámbito laboral máis aló do establecido agora pola vía penal.

Entre outros aspectos, o convenio considera como lugar de posible violencia non só o espazo de traballo, senón outra zonas como o comedor ou os servizos sanitarios e vestiarios.Tamén se inclúen as viaxes de traballo, as formacións, os eventos sociais relacionados co emprego ou o traxecto de ida e volta á oficina.

O proceso para ratificar un convenio destas características pasa por varios Ministerios, así o explican dende Traballo, e debe aprobarse no Consello de Ministros para ir despois ás Cortes Xerais. Para ratificalo precísase que o fixera polo menos outro país, é entón cando a convención entra en vigor, con outro prazo de doce meses para facer as adaptacións necesarias.