CRTVG

Buscar

España quere tender pontes e non romper con Marrocos, a pesar da tensión en Ceuta

Publicado o 19/05/2021 16:50

• A Policía marroquí sela o paso fronteirizo | A noite foi "relativamente tranquila" | 5.600 persoas foron devoltas a territorio de Marrocos

• Sánchez recrimínalle a Casado ser "desleal" co Goberno

 

Foto: EFE

A situación na fronteira de Ceuta entre Marrocos e España é este mércores ben diferente das dúas xornadas pasadas, cando máis de 8.000 migrantes atravesaron os límites entre os dous países, dos que máis da metade foron devoltos, unhas 5.600 persoas segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio do Interior.

A cifra de devolucións foise incrementando nas últimas horas despois do acordo alcanzado entre ambos os dous países para que se producise o retorno da xente que entrara de xeito ilegal en Ceuta.

Esta mañá, aínda había unhas ducias de inmigrantes que tentaban chegar a nado á cidade autónoma desde territorio marroquí, pero, segundo confirmou á Axencia EFE a delegación do Goberno, a noite foi "relativamente tranquila".

Na praia, que foi o principal punto de acceso nas últimas xornadas, permanecen axentes da Policía e da Garda Civil, xunto ás unidades do Exército despregadas na zona, pero xa sen os vehículos militares.

As poucas persoas que conseguen chegar á nado, son atendidas pola Cruz Vermella e a continuación son levadas á fronteira para regresar a territorio marroquí.

Pola súa parte, a policía marroquí selou o paso fronteirizo de Tarajal. As forzas antidisturbios non permiten que ninguén se achegue ao espigón polo que pasaron moitas persoas nas xornadas pasadas, nin tampouco permiten subir ao monte para tentar acceder a Ceuta pola parte máis cercana ao barrio do Príncipe.

Aumentan os retornos voluntarios

Nas últimas horas, aumentou o retorno voluntario de migrantes de orixe marroquí. De feito, este mediodía regresaron dous centenares.

Segundo confirmaron fontes policiais, moitas das persoas maiores de idade que accederan á cidade autónoma a través do espigón do Tarajal, a maioría novas, están a presentárense na fronteira para volver ao seu país.

Tras deambular pola cidade sen un destino fixo, e logo de pasar a noite durmindo en parques, xardíns e montes, optaron polo retorno voluntario, tendo en conta a súa situación de ilegalidade e a falla de medios de subsistencia.

O Goberno ve un asalto e non unha crise migratoria

O Goberno considera que a chegada masiva de migrantes a Ceuta, procedentes de Marrocos, é un asalto á fronteira e non unha crise migratoria. O propio presidente do Goberno negouno no Congreso, e limitouse a dicir que é unha crise "doutro tipo", causada pola falta de control da fronteira por parte de Rabat.

Así o dixo a unha pregunta da líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, durante a sesión de control ao Goberno, na que tamén sinalou que España conta co "apoio inequívoco" de todas as autoridades europeas ante unha falta de respecto que non é só a España senón tamén ao conxunto de Europa.

De todos os xeitos o Goberno cre que a situación xa está normalizánose. E no que se refire á relación diplomática con Marrocos, o Executivo recalca que este segue sendo un país veciño e un amigo importante de España, e confía no regreso da embaixadora marroquí, Karima  Benyaich, que este martes foi chamada a consultas pouco despois de que fose convocada á sede do Ministerio español de Asuntos Exteriores.

O Executivo quere tender pontes con Rabat

A ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, asegurou este mércores que España "non vai entrar nun exercicio de alimentar a escalada" de tensión con Marrocos, senón de "tender pontes", pero vai ser "firme na defensa da súa integridade territorial e das súas fronteiras".

En declaracións a RNE, González Laya dixo que se España acolleu ao líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nun hospital de Logroño foi pola súa tradición humanitaria e que con este xesto non pretendía "ningunha agresión a ninguén", a pesar de ser consciente de que o conflito do  Sahara Occidental é un tema "de enorme sensibilidade para Marrocos".

En opinión da ministra, estes "son momentos para manter a cabeza fría". Ao preguntarlle pola súa entrevista coa embaixadora de Marrocos en España, Karima Benyaich, explicou que lle transmitiu e insistiu na necesidade de "mirar ao futuro, que non ocorran feitos como os destas horas, que as persoas sexan devoltas, pero tamén que retomemos o traballo de tecer unha relación máis estreita" entre ambos os países.

En canto ás vías de comunicación con Marrocos, a ministra asegurou que hai "liñas abertas por distintas canles" que o Goberno vai manter "o máis abertas posible". Non quixo precisar se o Executivo recorreu ao rei Filipe para reforzar a comunicación con Marrocos nestes momentos, xa que "toda misión de achegamento debe ser discreción sobre que canles están a usarse ou se poidan utilizar", dixo.