CRTVG

Buscar

Bos días

España prepárase para vivir a primeira folga feminista da súa historia

Publicado o 08/03/2018 09:13

Como cada 8 de marzo, as mulleres celebran os dereitos conquistados e alzan a voz contra as desigualdades e abusos que aínda sofre a metade da poboación.

En medio dunha mobilización mundial sen precedentes polos dereitos das mulleres, todo o movemento feminista español vai un paso máis alá e convoca unha folga xeral de 24 horas. Chaman a emular o que fixeron as mulleres de Islandia en 1975 para evidenciar o que é o lema da folga: 'Sen nós, o mundo para'.

Ten carácter social, porque ademais de paros laborais inclúe folga de coidados no ámbito familiar, estudantil e tamén de consumo en protesta pola utilización da imaxe da muller como obxecto publicitario. Están chamadas as mulleres pero legalmente poden sumarse os homes. Partidos políticos e sindicatos apóiana total ou parcialmente, pero non son os convocantes.

A folga reivindica promover cambios para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres. Porque na práctica as mulleres seguen realizando a maior parte do traballo non remunerado e son maioría respecto aos homes as que traballan xornadas parciais para poder coidar de fillos e maiores dependentes.

Tamén sofren máis a precariedade laboral e a fenda salarial respecto aos homes sitúase en España entre 14 e o 30%. E a folga xeral do 8 de marzo tamén pretende ser, unha vez máis, un berro contra o machismo, contra os abusos na casa, o acoso na rúa ou no traballo, contra a violencia criminal que asasina mulleres ou as destrúe psicoloxicamente.

"Xuntas somos máis", reza o manifesto do movemento feminista. Seguiremos, conclúe, ata conseguir o mundo que queremos.

Bos días

08/03/2018