CRTVG

Buscar

España pídelle á Unesco que as tapas sexan patrimonio inmaterial da Humanidade

Publicado o 08/03/2018 16:34

O Ministerio de Cultura vaille pedir á Unesco que declare as tapas Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A petición partiu da Academia Española de Gastronomía porque considera que 'o tapeo' é unha tradición representativa da identidade cultural de moitos lugares de España e un modelo cada vez imitado no ámbito internacional.

"Se non houbese tapas non traballarías, aquí é así; con cada consumición un pinchiño e unha tapa... Hoxe temos tenreira ao viño tinto, chourizo á sidra, ensalada de pasta, champiñóns á crema, lingua e zorza... E de vez en cando repetimos coa bandexa dos petiscos por se a alguén non lle gustou algo ou por repetir porque si", conta Nelson, o responsable dun bar da 'rúa dos viños' de Lugo.

"A tapa que temos hoxe é unha minihamburguesa cunha salsa teriyaki, améndoa doce e herbas frescas. Nós non damos a escoller; temos unha tapa e imos cambiando a medida que se vai acabando", di Jacobo, outro hostaleiro.

Escollen o bar ao que van polas tapas? "Si, si, si, eu teño os meus puntos. Sempre vou a ese barciño da praza porque sempre ten uns calliños ou o que sexa".

"Eu a bares que non dan unha tapa como Deus manda non vou", din os clientes.

"Home!, xa que levan un traballo e unha elaboración é un recoñecemento engadido", di Nelson.

"De tapiña temos, costela, orella, pataca brava, champiñón, chourizo ao viño...". "Eu veño aquí desde hai tempo e díxenlles que podiamos vir porque á parte da consumición danche sempre tapas a escoller e é diferente ao que hai noutras cidades", comenta unha moza da Coruña que está de tapeo cuns amigos.

"Si, poñen cantidade e a min gústame, si", confirma un deles.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018