España pídelle a Bruxelas acurtar os prazos para recibir antes os fondos
España e varios socios comunitarios apreman a Bruxelas para que recorte os prazos na chegada dos fondos de recuperación. Os ministros de Economía europeos pedíronlle esta tarde á Comisión que non tarde dous meses en analizar os seus plan de investimentos e reformas. Foi unha petición liderada polos países máis necesitados das axudas extraordinarias. Como España ou Italia... tamén Portugal ao ocupar a presidencia rotatoria do Consello Europeo.
Desas análises da Comisión depende un primeiro desembolso das axudas no segundo semestre do ano, di a vicepresidenta de Economía, Nadia Calviño. O Goberno orzamentou 27.000 millóns de euros, pero será difícil que reciba esa cantidade.
Cada país debe enviar aquí o seu plan de investimento e reformas antes do 30 de abril, e non o fixo ningún. A vicepresidenta Calviño asegura que chegarán a tempo.
"Imos presentar o plan dentro do mes de abril, esa é a data límite e estamos moi avanzados. España é, probablemente, o país que está máis avanzado na elaboración do plan. Estamos traballando intensamente co obxectivo de que, canto antes, poidamos ter a aprobación formal do proxecto por parte do Consello de Ministro e remitilo a Bruxelas, di Nadia Calviño, vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos.