España permitirá a entrada de persoas vacinadas de calquera país a partir do 7 de xuño
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que a partir do 7 de xuño todas as persoas inmunizadas, con independencia do país do que procedan, poderán entrar en España.
Segundo salientou, deberán contar cun documento que acredite a recepción da pauta completa dunha vacina autorizada pola Axencia Europea de Medicamentos ou pola Organización Mundial da Saúde.
Ademais, na súa intervención no acto organizado en Fitur para presentar o Certificado Verde da UE (que entrará en vigor o 1 de xullo), lembrou que o Boletín Oficial do Estado publicou este venres unha orde ministerial que permite a entrada de persoas procedentes de países seguros non comunitarios a partir do vindeiro 24 de maio.
O texto recolle dez países en concreto: o Reino Unido, o Xapón, a China, Australia, Nova Zelandia, Singapur, Israel, Corea do Sur, Tailandia e Ruanda.
"Todos eles pasan a estar na lista de países seguros e, polo tanto, van poder entrar sen afrontar controis sanitarios á súa chegada a España", engadiu antes de repetir este anuncio en inglés e subliñar que a poboación británica poderá, polo tanto, viaxar xa a España sen restricións.
Pedro Sánchez considera que o sector turístico "merece boas novas" e amósase convencido de que será "a panca que impulse a recuperación".