CRTVG

Buscar

España pecha coa China unha compra de material por valor de 430 millóns

Publicado o 25/03/2020 17:15

Que a COVID-19 sexa unha pandemia fai que moitos países estean competindo pola compra dos mesmos produtos sanitarios e principalmente nun mesmo mercado: A China. E nótase nalgúns hospitais: faltan máscaras, batas ou respiradores.

Neste contexto, España pechou con China un contrato de compra de material sanitario por 432 millóns de euros, que inclúe a adquisición de 550 millóns de máscaras, 950 respiradores, 5,5 millóns de probas rápidas de coronavirus e 11 millóns de luvas.

Anunciouno en conferencia de prensa este mércores o ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que quixo subliñar que "non houbo ningunha confiscación nin retención de materiais nas aduanas, non a habido nin a haberá", e que o Goberno "seguirá apoiando" todas as accións de compra que fagan as distintas comunidades autónomas.

O Executivo, pola súa banda, xa pagou "na súa integridade" os 432 millóns de euros a China para a subministración de material sanitario, en virtude dun contrato no que traballaron distintos departamentos ministeriais.

Así, o contrato co Goberno chinés inclúe un acordo con tres provedores para a subministración en 8 semanas de 550 millóns de máscaras cirúrxicas e de protección respiratoria, "é dicir, para profesionais e pacientes".

Mentres, os 5,5 millóns de test rápidos entregaranos dous provedores durante marzo e abril; os 950 equipos de respiración asistida serán fornecidos de abril a xuño; e os 11 millóns de luvas en catro semanas.

"Pechamos cadeas de produción enteiras que traballarán para o Goberno de España", salientou o responsable de Sanidade e aclarou que todo este material chegará de "forma graduada" a partir de "finais desta semana". Sobre a súa repartición polas distintas comunidades, dixo que o detallará mañá na súa comparecencia parlamentaria.

Con todo, o ministro recoñeceu que "fan falta máis respiradores" e por iso estanse envorcando todos os esforzos en comprar máis e, sobre todo, producir en chan español, para o que está a traballar "de forma moi intensa" coas "mellores enxeñeiras e grupos de produción máis importantes" para activar e ampliar a capacidade nacional de produción.

Así, a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), que é a que debe homologalos, está aberta a poder facelo "na maior brevidade", precisou.

Illa agradeceu ás empresas españolas con plataformas de compra en China a axuda que prestaron e comprometéronse a seguir prestando en "este empeño de comprar material sanitario" e aproveitou unha vez máis para encomiar o "exemplo de responsabilidade individual e disciplina colectiva" que están a dar os españois nestes días de confinamento. 

O material vai chegando. Este, por exemplo, repartiuse hoxe en Valencia, pero non é dabondo e tampouco chega o persoal contratado.


Grandes grupos industriales xa están cambiando a produción para fabricar material sanitario a grande escala en España.

E outro balón de osíxeno virá de Bruxelas. Confirmou hoxe que pecharon a compra de material sanitario, incluso máis do previsto, para enviar a España e outros países.

Noticias web

25/03/2020