CRTVG

Buscar

España ofrece Alxeciras ao "Open Arms" para desembarcar migrantes, pero a ONG rexeita este porto

Publicado o 18/08/2019 17:36

• A ONG alega que os 107 inmigrantes precisan desembarcar xa porque a situación é crítica no "Open Arms"

• O "Ocean Viking" agarda un porto con 365 persoas a bordo, fronte ás costas de Malta

O Goberno español ofrece o porto de Alxeciras para o desembarco do Open Arms. O presidente en funcións, Pedro Sánchez, tomou esta decisión debido á situación de emerxencia dos 107 inmigrantes que quedan a bordo e tras 17 días nos que Italia se negou a permitir a entrada do barco.

Estas imaxe de hai un ano, o Open Arms entrando no porto de Alxeciras, poderían repetirse nas próximas horas, neste caso con 107 migrantes a bordo. Tras 17 días agardando o permiso das autoridades italianas para entrar en Lampedusa, e ante a situación de emerxencia que se vive en cuberta, o goberno español tomou a decisión de pemitir o atraque do barco. A través dun comunicado, o executivo asegura que a "inconcibible" postura do ministro italiano do Interior levou a España a liderar a resposta a esta crise humanitaria. O fundador do Open Arms reiteraba onte mesmo que xa non podían garantir a seguridade a bordo. A ONG difundía hoxe estas imaxes de varios migrantes que se botaron a auga para intentaren chegar á costa. Os que xa están en terra son os 27 menores non acompañados que chegaban na tarde de onte ao porto de Lampedusa, un desembarco que, segundo Mateo Salvini, se fixo ao seu pesar e por decisión do primeiro ministro Giuseppe Conte.


O Open Arms acusou hoxe a Salvini de facer propaganda xenófoba á custa do sufrimento dos migrantes. Na súa resposta, a través desta rede social, o ministro de interior italiano acusaba o Open Arms de ter secuestrados os migrantes, en vez de levalos a un porto español, e poñía en dúbida que algúns dos evacuados estivesen enfermos e tivesen menos de 18 anos. Agora, unha vez que cheguen a Alxeciras, os 107 migrantes serán acollidos en seis países europeos, entre eles España.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí