Italia elimina a España na quenda de penaltis
• Morata, heroe e vilán, forzou a prórroga pero errou o penalti decisivo
EFE/Kiko Huesca
Presumíase un choque estremo e Luis Enrique meteu na ecuación o falso nove de Dani Olmo para altera a matemática previsible do partido.
LUIS ENRIQUE: "Intentamos quitarlle a referencia a Chiellini e Bonucci".
Funcionou durante moitos minutos a bala máxica de Dani Olmo para descodificar a Italia, mais o xenio azurro non entende de rendicións e tras pasar pola caseta con cero a cero, puxéronse por diante os de Mancini: contra de manual con Inmobile na fragua e Chiesa enfornando un gol de bandeira para un a cero.
LUIS ENRIQUE: "Xeramos moitas ocasións de superioridade, faltounos a guinda".
A fe inquebrantable dos de Luis Enrique abriu a lata italiana a dez minutos do final, con Morata xa no campo e con Dani Olmo entregando un pase preciso que o ariete da Juve soubo aproveitar para bater ao seu xa ex compañeiro Gianluigi Donarumma.
Abocado á prórroga o partido puido caer facilmente do lado español por ocasións e méritos pero, unha veces Donarumma e ás mais das ocasións a falta de gol que tanto penalizou a España neste campionato meteron de novo á rapazada no compromiso dos penaltis.
Unai Simón deu azos á parroquia cunha badalada. Adiviña o lanzamento de Locatelli e tensa a quenda para os transalpinos. O mellor do partido, Dani Olmo, o que son as cousas do fútbol, erra no primeiro de España e devolve a igualdade de oportunidades á partida. Belotti e Bonucci, diana. Gerard Moreno e Thiago Alcántara, tamén. Logo, febleza de Morata nos once metros e gol de Jorginho para poñer a Italia na final porque sempre hai a quen lle paren os bois, mentres a outros nin as vacas lle crían.