CRTVG

Buscar

España insiste ante a UE en liberar as patentes das vacinas

Publicado o 10/05/2021 21:02

A Unión Europa non cede na liberalización das patentes das vacinas contra a covid-19 que demandan os Estados Unidos. Na reunión dos ministros de Exteriores europeos, España pon sobre a mesa medidas complementarias como non bloquear a exportación deses tratamentos ou dos compoñentes para fabricalos. 

Europa quere unha resposta de conxunto, global, sobre as vacinas contra a covid. Se os Estados Unidos insisten en liberar as patentes, Bruxelas só cederá se antes hai un compromiso coas doazóns internacionais. E todo este debate debe ser dentro das normas da Organización Mundial de Comercio. Para que as farmacéuticas teñan que ofrecer licencias das súas patentes a outros produtores. E que se obrigue a países como Estados Unidos ou Reino Unido a exportar vacinas aos países en desenvolvemento e tamén os compoñentes químicos da súa fabricación. Levantar a protección intelectual das patentes sería só outra medida máis.

Así o explica a ministra de Exteriores, Arancha González Laya, logo de reunirse cos seus homólogos europeos en Bruxelas.

"O Goberno de España, a través do presidente, puxo enriba da mesa ideas concretas de flexibilización de regras da propiedade intelectual, de escalada de produción, de eliminación de todos os obstáculos ao comercio de vacinas e compoñente e, finalmente, de aceleración da distribución de vacinas de maneira que ningún cidadán en ningunha parte do mundo quede sen estas vacinas", di Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores.