CRTVG

Buscar

España golea a Francia e pasa á final do Europeo sub-21

Publicado o 28/06/2019 09:25
España golea a Francia e pasa á final do Europeo sub-21

Os de Luis de la Fuente están na final do torneo, e metéronse cunha gran vitoria sobre Francia. Mesmo tiveron que remontar un tanto inicial dos franceses, para acabaren goleando por catro a un. Alemaña agarda xa na final dun torneo que pode volver a España.

Golpe de man xeracional dos sub-21, que deixan a Francia na cuneta do europeo con outra exhibición de fútbol e de capacidade de recuperación. Todo semellaba revirarse para os de Luis de la Fuente, primeiro, cun penalti non pitado nesta acción irregular de Ballo-Touré que lle leva coa man a pelota a Dani Olmo dentro da área. E, pouco despois cun penalti si pitado pero contra España. A carga coa man de Junior sobre Reine-Adelaide foi castigada e o encargado de facer o cero a un sería Mateta. 

O partido collía unha pendente complicada costa arriba e máis se puido torcer o camiño se o porteiro do Alavés, Antonio Sivera non anda fino e valente metendolle o corpo a un balonazo brutal de Mateta co que Francia remataba unha profunda e rápida transición de ataque. O primeiro aviso de que España non se ía someter deuno Fornals rematando a porta un pase atrás de Junior. Agora era a parada de Bernardoni a que evitaba o empate. Aí deu feito, pero na seguinte non lle deu posto cara ao goleador español. Nun saque de córner a pelota chega á bocana da portería e alí remata de primeiras Marc Roca; o porteiro consegue afastar de primeiras, pero nas segundas Roca rebenta o coiro e sácao da órbita do gardaredes galo. Era o empate e a chamada do corno para que os españois se botaran coma lobos contra a meta francesa. Xusto no desconto da primeira parte un penalti que mais ca visto foi intuído dalle a oportunidade a Oyarzabal de poñer por diante o combinado español. Non erra o donostiarra e xa na segunda parte, o trebón que afogou a Francia. 

Primeiro un golazo con Fabián Ruiz facendo unha obra de arte: rouba, profunda, pisa área e cede sobre a chegada de Dani Olmo para que este derote a pracer a Bernardoni. Un prodixio de xogo colectivo armado por artistas do balón. Artistas que fan artistadas coma esta de Fornals que a un tris está de provocar o cuarto de non faltarlle uns milímetro para superar o obstáculo do porteiro. Si chegou o catro a un definitivo nunexquisito pase co exterior de Fornals que deixa a pelota a punto de caramelo para unha volea de Mayoral que sentenzaba o partido. Outro recital de España tras o cinco a cero a Polonia.      


Noticias web

28/06/2019