CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

España golea a Croacia (6-0)

Publicado o 12/09/2018 15:15

Estaba eufórico Luis Enrique. Inicio espectacular no banco da selección. Dous partidos e dúas vitorias. Fútbol vertical. Inglaterra e Croacia coñeceron a filosofía desta selección. E o acerto no marco rival de varios futbolistas. Na faceta goleadora destacou Asensio. E na creación e recuperación Ceballos, que debutaba co equipo nacional. Unha actuación coral que se produce a principios de temporada e que aplaudiu o seleccionador.

Calquera o diría, pero España pasou os quirios nuns primeiros minutos en que a presión alta da subcampioa mundial deixou a Santini en inmellorable posición de gol. Carvajal salva na segunda clara do dianteiro do Anderlecht. Na xogada do primeiro de España, balón proxectado de Ramos a Carvajal e servizo do lateral para a cabezada de Saúl a un quilómetro da súa casa patrucial en Elxe e nos centímetros decisivos do gol. Era o minuto 24 e nove despois agroma Asensio no partenón dos meritos: marca cun zapatillazo de raio no que despreza as distancias e afuciña o coiro na rede de Kalinic sen remisión. Mala hora para o porteiro balcánico, que volvía encaixar tres minutos máis tarde e con oprobio ao meter o balón na propia porta tras outra zapateada de Asensio que estaba de festival, como Dani Ceballos, debutante e secante de Modric. Rodrigo culmina a xogada do cuarto con pase ao espazo de Asensio e, rozando o fóra de xogo, rematándolle por baixo a Kalinic, que levaba un saco ao lombo. A gama de recursos deu tamén para o balón parado e con Ramos de protagonista na cabezada do quinto: o saque de esquina levantouno Asensio dende o recanto e Luis Enrique activa o modo 'sentidiño'. Para o fin de festa quedou o golazo de Isco. Amaga o do Madrid con saír pola dereita co balón raseado por Asensio, controla e xira o corpo para chutar na dirección oposta cruzado imposible para o porteiro. Como imposible foi onte que Croacia respirara.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí