CRTVG

Buscar

España frea os recortes comunitarios en xurelo e pescada

Publicado o 18/12/2019 18:32

Ata as 6 e media da mañá non conseguiu España convencer a Comisión Europea do esaxerado dos recortes propostos para 2020. As principais rectificacións benefician especialmente a Galicia.

Rosa Quintana, conselleira do Mar, cre que  "podemos presumir de manter o barco na superficie. Partiamos dunha situación moi complicada, en que se nos propoñían recortes en dúas especies fundamentais para Galicia, como son a pescada e o xurelo".

A pescada que se captura ao sur de Fisterra queda nun recorte do 5%, fronte ao 20 co que se partía o luns. Máis sorprendente é o caso do xurelo: Bruxelas quería reducir a súa pesca nun 50% e acaba aceptando un incremento do 24, despois de que España os convencera dun erro nos informes científicos.

Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, asegurou que "España consegue os seus obxectivos de mellora das propostas iniciais presentadas pola Comisión despois das intensas negociacións destes dous días. Increméntase o volume total de posibilidades de captura de que disporá a frota pesqueira española respecto a este ano".

Europa acepta ademais aumentar nun 41% a captura de xarda no Cantábrico e estudar a reapertura da pesqueira da cigala despois de 3 anos de peche. No lado negativo queda o recorte do 20% da pescada do Gran Sol.

Noticias web

18/12/2019