CRTVG

Buscar

Galicia lidera en Ciencias e está na parte alta en Matemáticas no informe PISA

Publicado o 03/12/2019 12:42

Galicia é a comunidade con mellores alumnos en Ciencias, segundo o último informe PISA, publicado este martes. En concreto, os rapaces galegos obteñen 510 puntos, mentres que a media española se sitúa en 483 e a europea en 490. O país que máis puntuación obtivo no informe pisa foi Estonia, con 530. A OCDE sitúa a Galicia no mesmo rango que países como Corea do Sur, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemaña, Países Baixos ou Reino Unido.

En canto ás Matemáticas, Galicia tamén está na parte alta. Obtén 498 puntos, cando a media española está en 481. Os rapaces galegos están lixeiramente por riba da media europea (494). 

 

Datos globais de España

Os alumnos españois de 15 anos baixaron 4,5 puntos en Matemáticas e ata 9,5 puntos en Ciencias no informe internacional PISA 2018 respecto ao de 2015 e volvéronse a situar por baixo da media da OCDE no primeiro estudo tras implantarse a Lomce en cuarto da ESO.

A OCDE publicou este martes os resultados deste informe sobre 79 países, que chega a España envolto en polémica ao aprazarse os datos sobre compresión lectora tras detectarse "anomalías" nalgunhas respostas de alumnos de varias comunidades autónomas.

Estas anomalías afectan principalmente á proba de Lectura e "os resultados das competencias matemática e científica parecen estar afectados en moita menor medida por este comportamento anómalo", segundo a OCDE.

España obtivo 481 puntos en Matemáticas (489 OCDE) e 483 en Ciencias (489 OCDE) e colocouse en niveis similares aos estudantes de Hungría e Lituania, mentres que a clasificación volve estar liderada por China e Singapura en ambas as probas.

Por comunidades autónomas, Navarra (503) e Castela e León (502) son as mellor colocadas en Matemáticas fronte a Andalucía (467) e Canarias (460), ademais de Melilla (432) e Ceuta (411).

 Mentres que en Ciencias, Galicia (510) e Castela e León (501) encabezan a lista e péchana tamén Andalucía (471) e Canarias (470), seguidas por Melilla (439) e Ceuta (415).

A OCDE considera que 30 puntos de diferenza implican un curso escolar, o que sucede entre Navarra e Canarias en Matemáticas (43 puntos) e Galicia e Canarias en Ciencias (40 puntos). 

A Comunidade de Madrid, que pediu que non se publique o PISA sobre España ao considerar que as "anomalías" detectadas afectan a todo o conxunto, obtivo en Matemáticas 486 puntos (503 na edición 2015) e en Ciencias 487 (516).

Se nos fixamos nos países da nosa contorna, Francia (495 Matemáticas e 493 Ciencias), Portugal (492 e 492) e Italia (487 e 468) sacan mellores resultados, excepto en Ciencias os alumnos italianos.

En que queren traballar?

Doutra banda, entre os estudantes españois que obteñen mellores resultados en Matemáticas ou Ciencias, un de cada tres mozos quere traballar como enxeñeiro ou unha profesión de ciencias aos 30 anos fronte a unha de cada cinco mozas.

Con todo, entre as mulleres tres de cada dez aspiran a traballar no sector sanitario, dato que baixa a dúas de cada dez no caso dos homes. Ademais, o 10% dos mozos e só o 1% das mozas está pensando en traballar en profesións TIC. 

En canto á equidade e o nivel socioeconómico dos países estudados, a OCDE conclúe que os directores dos colexios en España son os que de media máis declaran "ter reducións de persoal e material". Unha situación que afectou máis aos colexios con desvantaxes.

Declarárono o 49% dos directores de centros con desvantaxe socieconómica fronte ao 34% da media da OCDE.

Ademais, o 18% dos profesores españois de centros con máis desvantaxes teñen menos de cinco anos de experiencia profesional fronte ao 17% nos de condicións vantaxosas.

Acoso escolar

O informe PISA 2018 analizou o ambiente dentro dos centros educativos e respecto ao acoso escolar, sinálase que os estudantes españois sofren acoso "menos frecuentemente" que os da media da OCDE (17% España e 23% OCDE), están "máis satisfeitos" coas súas vidas (74% España e 67% OCDE) e o 96 % declarou estar maiormente felices.

En cambio, o 39% dos alumnos españois (26% OCDE) recoñecen que os seus profesores "teñen que esperar moito tempo" a que a clase cale.

Así mesmo, o 30% dos estudantes españois (21% OCDE) contestou que se ausentou un día de clase e o 44% chegara tarde (48% OCDE); datos sobre as dúas semanas previas á realización do informe que en España tivo lugar entre o 16 de abril e o 31 de maio de 2018.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí