CRTVG

Buscar

"España é un dos principais países de tráfico e tránsito de mulleres con fins de explotación sexual"

Publicado o 07/10/2019 10:31

Mónica González e María Barba, integrantes da plataforma cidadá Impunidade Carioca, estiveron este luns no estudio do Bos días para falar sobre a loita que manteñen para reclamar xustiza para as mulleres vítimas do comercio e trata que destapou ao longo da operación Carioca.

"O tráfico é un proceso que implica a captación, o traslado e a recepción para a explotación de persoas, e entre elas están os que teñen como fin a explotación sexual. E está relacionado coa prostitución directamente no sentido en que é un dos mecanismos que se usan para a captación de mulleres para a prostitución", explica Mónica e que no "caso de Galicia está recoñecida por lei como unha forma de violencia de xénero".

María relata todas as implicacións que ten o caso Carioca: "No noso caso, organizámonos na cidade de Lugo arredor da macrocausa que investigou varios clubs de alterne e que permitiu ver esa dimensión de rede moi ben fiada. Nesa operación houbo máis de 85 persoas imputadas, entre as que houbo membros dos corpos e forzas de seguridade e outras persoas moi influentes".

"España é un dos principais países de tráfico e tránsito de mulleres con fins de explotación sexual", destaca Mónica González. E para ver todas as súas implicacións María Barba explica que "no caso da operación Carioca, ademais, destapáronse moitísimos máis delitos que se dan no ámbito da trata, como pode ser o tráfico de drogas, de armas, malleiras... houbo violacións. Todo tipo de delitos que se dan neste tipo de redes".

"O caso destapouse grazas á valentía dunha destas mulleres que estaba sendo extorsionada por un garda civil", recorda Mónica.

A realidade desas mulleres foi o que fixo que na cidade de Lugo nacese esta plataforma. "Nós tivemos contacto con algunha destas mulleres, e atópaste con historias de vida, e ves todo o que sufriron. E por iso como cidadanía nos removeu tanto porque podía non facerse xustiza con estas mulleres que están en extrema vulnerabilidade", conclúe María Barba.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí