España e Portugal son os únicos países da UE abertos ao turismo británico
Os problemas coa evolución epidemiolóxica do Reino Unido saltan ao continente. España e Portugal son os únicos socios comunitarios coas fronteiras abertas.
A menos de 24 horas do Cumio Europeo, aumenta a preocupación dunha expansión da variante Delta do virus dende estes dous países a toda a Unión. O debate sobre o turismo, a mobilidade e viaxes este verán ou as restricións ao Reino Unido será moi intenso no Cumio deste xoves e venres.
O presidente Pedro Sánchez e o primeiro ministro António Costa terán que escoitar críticas por seguir permitindo a chegada dos turistas británicos. Socios como Alemaña esixen un peche común dos 27 ao Reino Unido ata que a variante Delta do virus estea controlada.
E outros como Bélxica pechan a súas fronteiras esta mesma semana aos viaxeiros non europeos que cheguen dende as illas. España e Portugal quedarán soas durante o cumio na esixencia da apertura ao turismo británico, pero fontes diplomáticas insístennos á TVG na independencia dos dous países para defender os intereses dos seus sectores turísticos.